Semana Cultural 2019

 

Un ano máis celebramos a nosa Semana Cultural, un evento de catro días adicado a darlle a volta aos procesos de aprendizaxe colocando á rapazada da ESO na posición de ensinantes cara ao alumnado de Educación Primaria. Centrada tematicamente no século XX, desta volta introducimos cambios de importancia con respecto a cursos anteriores. O máis notable, a extensión temporal dos obradoiros que vai posibilitar un desfrute sen presas, un aprender "dos maiores" con calma e sen as urxencias que, en cursos pasados, implicaban pasar por todas as aulas ao longo da semana.

Humanidades, Belas Artes, Música e Ciencia: os catro eixos tradicionais do saber serven de pretexto temático para redefinir a posición de quen ensina, para aproximarse aos contidos da cultura cuns ollos diferentes e para observar doutra maneira o proceso de aprendizaxe. As persoas que nestes días están a exercer de mestres estiveron, ata hai pouco, do outro lado, e saben o que costa manter viva a curiosidade, o interese e a fascinación por esas construcións da humanidade que son a cultura e o saber.

Como en edicións anteriores, o equipo de prensa -constituído por alumnado de 3º e 4º da ESO-, vai dando conta diariamente do desenvolvemento das actividades. Estas novas son difundidas a través das nosas redes sociais. Deixamos aquí os enlaces: