O ensino secundario ten como propósito fundamental asentar todas as aprendizaxes que se iniciaron na primaria de maneira que cada persoa sexa quen de se recoñecer como individuo e comezar a tomar as súas propias decisións sobre todo no que ao seu futuro académico e laboral se refire.
No plano académico trabállase progresivamente con contidos máis teóricos e abstractos, e acentúase, aínda máis, a necesidade de que cada individuo aprenda a traballar autonomamente e acade un hábito de estudo que lle permita enfrontar o futuro académico unha vez rematado o período de ensino obrigatorio.
Ten especial importancia todo o proceso de orientación académica e/ou laboral, xa que o título de ESO, sendo imprescindíbel para calquera cidadán, non é unha cualificación profesional en si mesmo senón que é a porta que nos leva ao mundo adulto. Por isto toda persoa debe ser quen de superar o ensino obrigatorio coa suficiente madurez como para enfrontar o seu futuro da maneira máis satisfactoria posíbel.