A escola pequena
Cando a nena ou neno chega á escola forma parte do centro da aprendizaxe. Respectar o seu ritmo interno é fundamental para que se adapte e sexa capaz de desfrutar da vida social, a cal vaille aportar as ferramentas fundamentais para crecer e aprender en compañía dos demais.
Proporcionarémoslle tempo para gozar, tempo para descubrir. Canto máis pequenos son, maior é a necesidade dun xogo non estruturado e unha aprendizaxe na que o corpo vai ser o protagonista, e que lle vai axudar a comprender e a desenvolver a capacidade de concentración e confianza nas súas propias posibilidades, canalizar as súas emocións, desfrutar, favorecer o pensamento creativo e construír a súa propia identidade.
Queremos axudar aos nenos e nenas a ser críticos co medio que lles rodea, espertando sobre eles a necesidade de buscar e curiosear coa información que lles chega dun mundo cada vez máis tecnolóxico e planificado. A nosa acción educativa non consiste en deseñar e implementar unha programación didáctica que determine de antemán que fará o alumnado cada día, senón que queremos darlle a cada neno ou nena o que necesita para “ser el ou ela mesma”, apoiándonos nunha mirada tranquilizadora e xeradora de emocións.