Blog da escola


A adaptación, unha posta a punto

Fotos web adaptación

 Agora que pasaron esas primeiras semanas de despedidas, separacións ( máis e menos sinxelas) de paseíños polo patio; de pises e cambios de roupa; de regularse nun espazo novo e descoñecido; pasamos a rodar... A ir, paseniño, recoñecéndonos nos demais, respectando e recollendo esa imaxe que o outro nos dá de nós mesmos.

É un tempo moi importante, tempo que cada nena e neno marcan, deixándonos ver e saber como van acoplándose a toda esta maquinaria que é a escola.

Os de 3 gozan e exploran un espazo novo e descoñecido, con persoas moi diversas que lles aportan diferentes vivencias e unha chea de iguais ao seu redor. Os de 4 voltan máis maiores que nunca, saúdando ás mestras na distancia cunha mirada, como amosando que xa non precisan das nosas mans acompañándoos, cun verán polo medio que o cambiou todo ; e os de 5 chegan ao que será o seu último ano na escola pequena, o último paso. A un suspiro de ir ao cole dos maiores, e sentíndose con razón, os reis do patio.

Así con todo a punto, comezamos un novo curso cheos de emoción, cheos de ganas de aprender deles e con eles. Cheos de ledicia e ilusión por acompañar, un ano máis á infancia.

E xa está todo en marcha!

Horario de atención

Luns a venres:

de 9:00 a 14:30

de 17:00 a 20:00

Colexio Martín Códax

Avda. Aeroporto, 734
36318 Vigo, Pontevedra
986 28 80 95
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.