O pasado martes 28 de outubro visitamos co alumnado de 4º da ESO a exposición "Pulsos e Solastalxias" na Casa das Artes de Vigo. Comisariada por Rosa Neutro. A exposición xiraba en torno ao concepto de "solastalxia" aplicado ao monte galego, un territorio que está a sofrer o abandono dos seus moradores tradicionais, os embates da actividade industrial baixo diversas formas e unha degradación ambiental acelerada. Extraemos dous párrafos do folleto da exposición:
"A solastalxia é un neoloxismo creado polo filósofo Glenn Albrecht, definida como unha "angustia psíquica ou existencial causada polo cambio ambiental", ou, nunha segunda acepción, como "nostalxia que se sente cando aínda se está na casa"; unha condición esta cada vez máis global debido á continua degradación do medio ambiente. En Galicia isto tradúcese en montes monocromáticos, ateigados de monocultivos que empobrecen sen retorno estes ecosistemas abocándoos cara a desertificación das terras ou cumios amputados, substituídos por aeroxeradores e formigón que, din, vannos levar cara un horizonte de enerxías verdes e limpas altamente xeradoras de riqueza, pero se cadra para uns poucos.
Do que nos falan as obras dos/as artistas desta mostra é de que precisamos recuperar algo que ten que ver coa nosa historia, co noso territorio, coa nosa memoria, e mesmo co amor, unha calidade esta que os especuladores –aqueles que están a contribuír a esta perda debido á sobreexplotación dos montes–, non consideran en absoluto importante posto que é un concepto asociado á non-eficiencia, algo altamente reprobable para o neoliberalismo depredador. Esta exposición ben pode servir para poñer en práctica ese alzamento da mirada como acto de dignidade para volver contemplar a liña do horizonte que se nos quere arrebatar en prol do que chaman “progreso”. Seguindo a idea do artista e activista César Manrique, que establecía que ningún edificio debía superar en altura á máis alta das palmeiras da súa querida illa de Lanzarote á que tanto protexeu, non permitamos que ninguén sexa quen de estar por riba da nosa liña do horizonte para privarnos de experimentar a beleza e de bicar o ceo porque todos e todas somos monte."
Podedes ver algunhas imaxes da visita na área privada da web da escola


