O seguinte texto é obra de Uxía Felpeto, alumna (xa ex-alumna, en realidade) de 4º da ESO. Recolle a súa reflexión sobre unha hipotética viaxe a Marte nun futuro próximo (moi probablemente antes de 2030) e é consecuencia da investigación feita polo seu grupo de traballo durante o desenvolvemento dos obradoiros de investigación e creación que o alumnado de 4º da ESO desenvolveu durante o tramo final do curso 2020-21.
Hai moitos riscos nunha viaxe espacial; desde as probas de voo ata a proba definitiva, a viaxe máis alá da atmosfera que nos protexe e permite vivir. Nas primeiras pode haber todo tipo de complicacións, que van desde unha pequena fuga de LH2 nunha proba de saída da atmosfera ,coa correspondente explosión dos motores cohete (e da nave de paso), ata unha mala aterraxe despois dunha proba existosa que pode arrastrar a destrución da nave porque, admitámolo, un avión de papel é menos fráxil que unha destas latas. A preparación dun astronauta é moi complexa e dura, hai que ter en conta que no espazo as normas do xogo cambian, e xa non somos os omnipotentes humanos que reinan na Terra, se non meros soldados de asalto recén saídos das prácticas para servir ao Imperio, que non teñen máis que os coñecementos que os predecesores lles aportaron de forma indirecta e o saber teórico que lles é explicado desde nenos. Porque no espazo somos iso, nenos, ilusionados coa perspectiva de ir ata o infinito e máis aló pero algo temerosos dos riscos que levan as ilusións.
Como ía dicindo, son meses de preparación moi intensos nos que as persoas deben adquirir unha masa muscular determinada, unhas capacidades físicas (como saber moverse en ambientes de microgravidade e beber sen derramar pingas microscópicas que poden facer que a nave estoure de balde) e emocionais concretas (son, neste caso, meses de viaxe mirando a mesma paisaxe escura e silenciosa que tanto amaría un poeta romántico, con, probablemente, un máximo de cinco persoas máis tendo unhas malas comunicacións coa xente na Terra que consisten en mensaxes vía satélite; a parte de moitos cambios no corpo que afectan á fisioloxía e ao estado de ánimo pola ausencia de gravidade, a nosa maior aliada {a pesar de que quen non maldeciu a Newton algunha vez}) e unhas carecterísticas hormonais (ou químicas) medidas ao milímetro a cada segundo, dentro e fóra da Terra.
Unha vez superado este pequeno episodio, sen accidentes, ou con incidentes que non impliquen a cancelación da misión ou a nosa morte mesma, chegan unhas horas angustiosas nas que todo é correr e preparar cousas e aburrirse dentro da lata ata que unha voz mecánica diga “despeguen” . Entón hai dúas posibilidades, ou que arrinque ou que non arrinque, ambas probables en maior ou menor medida; no caso de que arrinque xa se mirará se sae da atmosfera, no caso de que non pode haber explosión ou non habela, pero dela dependerán as vidas da misión e de toda cousa, planta ou animal que haxa en varios km á redonda.
Digamos que xa saímos da atmosfera con éxito, por iso de non nomear a cantidade de misións espaciais que non pasaron da súa amorosa aperta de pai desesperado pola marcha dos fillos, e que agora comezamos a pasear polo espazo a unha velocidade que escandalizaría á DXT e faría os ollos chirivitas á Garda Civil apostada nas beirarrúas. A casa cada vez parécenos máis diminuta na inmensidade do espazo da que comezamos a ter conciencia; pero isto non é Star Wars, e hai consecuencias para os que se atreven a desafiar o tecido espazo-temporal ( por exemplo o SAS, que consiste en vómitos, vértigo e dor de cabeza principalmente, acompañados de desorientación e ilusións de xirar 180º porque o corpo non sabe que é “arriba” e que é “abaixo”. Pese a non durar máis de 72 horas, o 45% de viaxantes espaciais súfreo, despois de moito tempo no espazo as astronautas poden presentar problemas para readaptarse ás normas da Terra, pero isto non dura demasiado ; a redistribución de fluídos, a causa de que xa non hai gravidade que tire cara abaixo de nós {que incluso o fai por dentro}, produtora dunha inchazón bastante curiosa na caixa torácica que diminúe a medida que o corpo se adapta ás condicións impostas {aínda que non desapareza mentres a gravidade non posúa a aceleración da terrestre}, perda de gusto e olfacto, conxestión nasal, perda do 22% do V sanguíneo, o que xera que se atrofie o corazón; perda de visión pola presión intracraneal que aumenta coa cantidade de fluídos e aperta o nervio óptico; aumento da altura corporal debido á descompresión da columna vertebral; os empeines dos pés vólvense demasiado sensibles; as bágoas non caen e únense nunha esfera; fatiga, mal humor, ansiedade, insomnio; e un longo etcétera que quita as ganas a calquera).
Aínda así, mirar como todo o que precisamos para existir é un mero punto que cada vez diminúe a medida que nos achegamos ao noso guerreiro veciño, causaría impresión ata á máis insensible; todo o que temos, todo o que somos, porque sen Terra non somos, non digo que non seriamos humanos, digo que nin seriamos, porque a propia esencia do humano é a Terra, cada gran de terra da superficie vai dentro de nós; apréndennos desde pequenos a nosa historia, pero, que sería desa historia sen a Terra como é? Que sería Alexandre Magno sen unha India con todo o que ten India de seu, fóra do que engadimos nós durante a nosa estancia (no que inclúo topónimos, India non se chamou sempre India, porque houbo unha época na que non había quen lle puxera nome {ou si e non o sabemos})? Que sería de Hatshepsut sen o Nilo polo que se transportaron as pedras de todos os monumentos que fixo en Exipto? Que sería de nós agora mesmo sen un Marte sobre o que soñar? Nada, nunca seriamos nada sen a Terra, sen a súa fermosura que comezou co lume e rematará co lume, pero esa é outra historia. A parte disto, certas características xuntas deron como resultado que puideramos existir como existimos, como humanos, e non se nos pode chamar doutra forma porque fomos nós os que nos puxemos o nome, a saber se desde o inicio, pero é o escollido polos afectados, así que humanos só hai aquí, no brazo de Orión, no Sistema Solar, no terceiro planeta por proximidade ao Sol, sen coordeadas exactas, xa que onde está o cero? Por moito que midamos as cousas na Terra e establezamos estes eixes, nunca serán nada universal, nunca serán verdade fóra dos nosos 480 km de atmosfera. Admitámolo, así como nós temos os nosos sistemas, outros seres vivos teñen os seus, tan válidos como os terrícolas; non hai verdades absolutas, nin a infinidade do Universo é algo demostrable, pode ser tan enorme que non atopemos o límite nunca, pero se está en expansión constantemente quere dicir que un límite hai, por afastado que estea; e se hai límite hai centro, que tamén listo foi quen dixo que só hai un Universo, algo indemostrable de momento. Non podemos facer asertos de este tipo, tardaremos moito en poder afirmar algo así, se o podemos afirmar algún día; só temos 5000 millóns de anos aproximadamente no caso de durar tanto aquí, na casa, no único que podemos considerar fogar porque nolo dá todo, grazas á Terra estamos aquí.
Este experimento noso ten erros, é moi complicado facer unha viaxe de ida e volta a Marte, os planetas están en oposición cada dous anos aproximadamente e a viaxe de ida son 9 meses, o que implica que haberá que agardar ata que os planetas estean cerca outra vez ano e medio máis ou menos se non queremos andar perseguindo a Terra por medio Sistema Solar. Isto arrastraría un gasto demasiado grande de combustible, e temos recursos limitados, co que, de ir alí, hai que baixar e estar un tempo ata que sexa rentable volver á casa. Hai que levar un dispositivo para habitar alí durante ese tempo, unha nave non é nin o máis práctico nin o máis seguro, nós elaboramos unha cúpula xeodésica, simple, e bastante pequena (x metros de raio) como forma de habitar alí na nosa idea de misión tripulada a Marte, aínda que fose pensada para un asentamento permanente ou de longa duración.
Con isto descobremos que temos que ter as ideas claras, levar todo ben planeado, de que imos vivir alí, levamos víveres limitados e hai que xerar e aproveitar os recursos do veciño, que son bastante distintos aos nosos, apenas hai O na atmosfera, algo necesario para plantas e animais que pretendamos criar alí, polo que deberiamos levar connosco un convertidor de CO2 en CO+O2 e o CO haberíao que comprimir e gardar para expulsar no espazo aberto debido á súa toxicidade. Temos que saber de ante man que podemos cultivar en Marte, desde bacterias a árbores, como resistirán os animais esas condicións e canto tempo o farán. Non podemos ir sen ter todo ben atado, xa bastantes cousas hai que non dependen de nós como para que non aseguremos o máximo que poidamos.
Pero, ante todo, animo a todas as persoas a investigar, non só sobre o noso veciño, se non sobre todo o que nos arrodea, porque é necesario que continuemos con esa curiosidade, fundamental da esencia humana, que morrerá se non a traballamos.
Seguide sendo humanos.
Uxía Felpeto