Agora que estamos a piques de pechar a carpeta deste curso non queríamos marchar sen mostrarvos o noso agradecemento. Pensamos que sería bonito escribir unhas liñas a todas as nais e a todos os pais que formades con nós a escola pequena. Xa sabedes que iniciamos o cursos con moita incerteza, inseguridade e certo medo ao descoñecido. Para moitos de nós foi un gran reto iniciar esta aventura naquel setembro tan complicado.
É de moito agradecer que confiarades no noso proxecto pedagóxico e que vos deixarades guiar polos nosos consellos. Non sabemos moito de virus nin de pandemias pero si da infancia. Este curso decidimos dar un pasiño para atrás para mirar a realidade con perspectiva. Tivemos que renunciar a moito do que estabamos acostumados a facer, tivemos que improvisar. Vímonos na obriga de saír da nosa zona de confort para atopar novas maneiras de facer. E vímonos na obriga de coidar as nenas e aos nenos se cabe mais que nunca, porque sabemos que soamente poden aprender cando se senten seguros e acollidos. E quizás este ano debíamos dar moito máis de nós. Porque o importante era que estiveran ben, o importante era que vos estiverades ben.
É de moito agradecer que fixerades o esforzo de quedar na casa cando había síntomas ou cando o voso sentido común vos dicía que tiñades que quedar na casa uns días. Que nos transmitirades as vosas situacións familiares, que nos contarades que tal o levabades e que vos interesarades tamén por nós. E gustoso sentir cada día a calor das familias.
Estes días quedaremos na escola falando de todo o que aconteceu este curso. Queremos analizar as cousas boas e malas que vivimos porque temos a ilusión de seguir deseñando novos proxectos a partir da nosas experiencias. Queremos ilusionar a eses cativos novos que comezarán a súa andaina e setembro e queremos sorprender aos que quedan con nós.
Antes de marchar queremos despedir as nenas e nenos de cuartos da ESO que hai pouco estaban na escola pequena. Cando agora falamos con eles caemos na conta de que seguen a ser os mesmos que hai anos estaban ante nós escoitando un conto. Pero coa diferenza de que antes tiñamos que agacharnos para falarlles e agora temos que estirar os nosos pescozos porque a maioría deles sácannos dúas cabezas. Aos vosos fillos pasaralles o mesmo dentro de non moito. Soamente hai que darlles tempo, coma case todo na infancia.
E como agasallo final deixámosvos as fotos dos grupos. Normalmente metémolas no sobre coas notas pero este ano decidimos colgalas na nosa web. Recordade que tedes que entrar na parte privada para miralas.
Agora descansade, vémonos en setembro.