Protexede as touradas, quitádenos a lingua

Chamádeme monotemático se queredes. Dicídeme que me repito, que sempre ando coas mesmas, que disto xa falei antes... Pero a cousa non é para menos. Estes días, na prensa, na radio, nos telexornais de todo o Estado amontónanse as noticias por volta das touradas (négome a chamarlle festa nacional, ou a identificarme coa nación que a iso lle chama festa). Resulta que nunha das comunidades autónomas que forman o Estado estase a debater a posibilidade de eliminar as touradas, por consideralas unha tortura e por tanto unha afrenta aos dereitos dos animais, máxime cando se trata dunha simple diversión. Por suposto, hai quen toma a bandeira da defensa das tradicións, e que di que todo iso corresponde cunha tradición cultural antiquísima e que por tanto debe ser protexida. Tanto é así que noutras comunidades autónomas deste mesmo Estado, estanse a declarar as touradas Ben de Interese Cultural, para que non só non sexan eliminadas senón que se fomenten polo que teñen de seña de identidade cultural. Sabedes que outra seña de identidade cultural temos moitos de nós? A lingua. O noso idioma. O galego. Tamén a nosa lingua corresponde con séculos de tradición cultural. Tamén a nosa lingua é un ben de interese cultural. Por riba, a nosa lingua non fai mal a ninguén. Non se tortura outros seres vivos por falar en galego. Pero resulta que non se toman medidas para protexela da desaparición, non se elaboran leis que protexan e fomenten o uso do idioma, senón que se redactan leis que lle quitan as poucas proteccións que tiña. Xa non é preciso facer unha proba de coñecemento do galego para ser funcionario da Xunta de Galicia e así garantir a posibilidade de que todos os cidadáns poidamos ser atendidos no noso idioma. Queren quitarnos espazos que o galego tiña gañados na escola. Isto non o hai que protexer con leis. Chamádeme monotemático se queredes. Dicídeme que me repito, que sempre ando coas mesmas, que disto xa falei antes... Pero eu o único que quero é vivir en galego con normalidade. O único que quero é non ter que falar nunca máis deste tema, que xa sei que me repito.

imprimir