Nunha serie de conferencias de prensa internacionais simultáneas celebradas hoxe mércores, 10 de abril, por todo o planeta, investigadores do Telescopio Horizonte de Sucesos (EHT polas súas siglas en inglés) mostraron a primeira evidencia visual directa dun buraco negro supermasivo e da súa sombra.
As ecuacións de Einstein predicían a existencia dos buracos negros e agora unha imaxe confirmouno. Unha rede global de radiotelescopios, na que participa o observatorio español IRAM desde Sierra Nevada, logrou fotografíar os límites dun buraco negro no centro de Messier 87, unha xigantesca galaxia masiva veciña. Este buraco negro atópase a 55 millóns de anos luz da Terra e ten 6.500 millóns de veces máis masa que o Sol.
Para lograr esta imaxe conectáronse os sinais de oito radiotelescopios repartidos por todo o planeta e logrouse formar un telescopio virtual do tamaño da Terra cunha sensibilidade e resolución sen precedentes.
O EHT é o resultado de anos de colaboración internacional e ofrece aos científicos unha nova forma de estudar os obxectos máis extremos do universo preditos pola relatividade xeral de Einstein, un século despois do histórico experimento que confirmou esta teoría por primeira vez.
“Tomamos a primeira imaxe dun buraco negro”, dixo o director do EHT, Sheperd S. Doeleman, do Center for Astrophysics Harvard & Smithsonian (Estados Unidos). “Trátase dun fito histórico en astronomía obtido por un equipo de máis de 200 investigadores”, engadiu.
Aquí queda o enlace ao artigo completo publicado na web do Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC), axencia pública de ámbito estatal especializada en información sobre ciencia, tecnoloxía e innovación en castelán e que foi posta en marcha pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía no ano 2008.
Un aspecto importante desta nova é que o proxecto, comezado en 2016, foi ideado e liderado por Katie Bouman, unha licencidada do MIT en ciencias da computación e enxeñería eléctrica que empezara a interesarse polo EHT cando aínda era estudante de secundaria. O gran logro de Bouman é o algoritmo CHIRP (Continuous High-resolution Image Reconstruction using Patch priors), un desenvolvemento matemático capaz de encher os inmensos ocos que quedaban nas medicións levadas a cabo polos oito radiotelescopios. A propia Bouman explicou nunha charla TED de 2017 o fundamento deste algoritmo: