Blog da escola
Liberdade para elixir
Eu sei que a pesca excesiva de baleas é a principal causa do risco que corren hoxe en día de se extinguiren.
Eu sei que as baleas se pescan porque o seu aceite é moi empregado para diversidade de produtos.
Pero eu son libre. Teño a liberdade de elixir. E eu elixo seguir consumindo produtos fabricados con aceite de balea. A miña liberdade ante todo, que malo será que non queden un par delas nun acuario para ir velas nunha fin de semana de vacacións e dicir en voz alta "Que seres tan fermosos! Que lástima que se extinguisen!"
Eu sei que a retirada do galego de calquera ámbito académico ou intelectual foi a principal causa de que hoxe en día se atope nesta situación precaria.
Eu sei que o galego foi retirado deses ámbitos por prexuízos de diverso tipo e por motivacións históricas que non imos explicar aquí.
Pero eu son libre. Teño a liberdade de elixir. E eu elixo que os meus fillos sigan estudando todos os contidos en castelán. A miña liberdade ante todo, que malo será que non queden un par de libros nunha biblioteca e un par de vídeos nunha filmoteca para poder botarlles un ollo de cando en cando, cada 17 de maio, e dicir en voz alta "Que lingua tan fermosa! Que lástima que xa non se fale!"