A pasada semana estivo con nós un grupo de estudantes de intercambio correspondentes ao curso Troisième (equivalente ao noso 3º da ESO) procedentes da cidade de Lille (Francia). Este programa é organizado e desenvolvido polas profesoras do departamento de francés -Mª Paz Neira e Vanessa Conde- e vai acompañado por un intenso programa de visitas e saídas no cal xoga un papel fundamental a colaboración continua dos profesores Xose Juane e Rosa L. Pimentel.
Así, tras seren recibidos o día 10 pola dirección do colexio, percorreron a colina de Castrelos, o Casco Histórico vigués e o Porto. O venres 11 visitaron a vila de Baiona deténdose no Parador e no porto para coñecer a réplica alí instalada da Carabela Pinta. Ese mesmo día tivo lugar pola tarde na escola unha pequena festa para as familias que acolleron o alumnado francés. Nas datas posteriores visitouse a localidade de Santiago de Compostela -Catedral e Casco Histórico fundamentalmente- e fíxose unha saída en barco pola ría de Vigo. O último día -o pasado mércores 16-, tivo lugar a marcha do grupo de estudantes franceses de volta á súa cidade, sendo a despedida, como sempre, emocionante como só o son as despedidas entre a xente nova. Desta vez, ademais, flotaba no aire a ilusión de voltar verse cando en marzo o noso grupo participante no intercambio parta cara a Lille a vivir a experiencia na cidade francesa.
Algunhas das fotos que se fixeron nestes días poden verse na sección galerías multimedia da área privada da nosa web.