Instalación fotovoltaica

Inega Fondo europeo ancho 

Recentemente, e en consonancia coa filosofía da escola de loitar por un mundo sostible e máis respectuoso co medio ambente, vense de rematar a instalación duns paneis fotovoltaicos. Con estes preténdese que unha parte importante da enerxía eléctrica consumida na escola durante a xornada lectiva sexa autoxerada, vertendo ademais á rede eléctrica o excedente producido fora da xornada escolar, cando o consumo nas nosas instalacións é mínimo. 

Esta inversión está cofinanciada pola Unión Europea a través do "Fondo europeo de desenvolvemento rexional" e polo Inega (Instituto enerxético de Galicia).

Aproveitando a ocasión, fálase a continuación da historia e os principios de funcionamento da enerxía fotovoltaica.

 

Xa hai tempo que a enerxía fotovoltaica deixou de ter como único foro a industria aeroespacial para implartarse na nosa vida cotiá e debater cara a cara coas tecnoloxías tradicionais de xeración de enerxía. Isto é posible grazas, en gran medida, á redución de custos de máis do 80% nos últimos anos, facendo que hoxe en día sexa unha forma competitiva de xerar electricidade fronte a outros métodos contaminantes.

Dende un punto de vista científico, a enerxía fotovoltaica é a transformación da radiación solar en electricidade. O proceso ten lugar nuns dispositivos chamados paneis fotovoltaicos, onde a radiación solar excita os electróns dun dispositivo semiconductor, xeralmente silicio, creando unha pequena diferencia de potencial. Conectando en serie varios destes dispositivos consíguense diferencias de potencial maiores (voltios) que dan lugar á corrente eléctrica (amperios).

O efecto fotoeléctrico é coñecido desde o século XIX, pero non foi ata a década dos 50 do século XX, en plena carreira espacial, cando comezouse a desenvolver de xeito importante esta tecnoloxía. Nos seus comezos, este desenvolvemento tiña como fin suministrar a electricidade a satélites xeostacionarios de comunicacións. Posteriormente, iniciouse a carreira da súa aplicación, primeiramente no abastecemento de electricidade para vivendas e instalacións illadas, e de xeito globol despois. Hoxe en día constitúe unha das tecnoloxías máis importantes de xeración eléctrica renovable.

O autoconsumo é unha forma de xeración baseado na produción eléctrica no mesmo punto de consumo, ou nun punto moi cercano. Isto permite aos usuarios favorecer a transición enerxética e a loita contra o cambio climático, a un tempo que se aforra na factura eléctrica.

As tecnoloxías de autoconsumo xurdiron, como xa se dixo, nos lugares illados da rede eléctrica, onde as necesidades de electrificación e o alto custo de conexión á rede eléctrica facían viable o emprego das enerxías renovables a pesar das altas inversións iniciais. Co avance da tecnoloxía e da industria, este tipo de solucións pasaron a ser tamén rentables en consumos conectados á rede eléctrica.

O esquema dunha instalación fotovoltaica típica conectada á rede é o que aparece a continuación.

 

Instalacion fotovoltaica esquema

 

Dado que a corrente xerada nos paneis é "corrente continua"  (igual que as pilas e baterías) debe pasar por un dispositivo chamado "inversor" para transformala en "corrente alterna" e poder deste xeito ser aproveitada nas instalacións e aparellos das casas, oficinas, colexios, hospitais, etc., así como poder verter a enerxía na rede eléctrica. Opcionalmente, pode haber unhas baterías acumuladoras de enerxía para empregala nos momentos onde non hai luz solar e polo tanto, non hai xeración de electricidade nos paneis fotovoltaicos.

Os paneis fotovoltaicos deben estar instalados nunha zona e cunha orientación axeitados para que a incidencia da radiación solar sexa a máxima posible, sen interferencias de sombras por outras construcións, árbores ou montañas. Na parte do planeta onde nos atopamos a orientación óptima e cara ao sur e cunha inclinación sobre a horizontal de 45º aproximadamente. Hai instalacións móbiles, os chamados "xirasoles" que van cambiando a orientación e/ou inclinación ao longo do día en función da posición do sol.

 

Para consultar as fontes do artigo e ampliar información se é necesario, pódense visitar os seguintes enlaces.

 

APPA - Asociación de empresas de energías renovables

IDAE - Instituto para a diversificación de enerxía (Ministerio de industria)

Energía solar fotovoltaica. Manual técnico para instalaciones domiciliarias

Ingeo - Formación técnica en ingeniería civil, arquitectura y otros

Instalaciones industriales - Cuaderno de fotovoltaica

 

fotovoltaica enerxia sostible