Queridas familias
Despois de case tres anos realmente complicados voltamos ao punto en que estabamos en setembro de 2019. Recuperamos a capacidade de movernos pola escola, de estarmos xuntos nas aulas e no patio e de agruparnos cando é preciso para traballar colectivamente. Facemos todo isto con moitas ganas, case con fame, co desexo de recuperar os procesos, os encontros, as conversas, o traballo e esa forma de felicidade de baixa intensidade que nace de rir xuntos, de emocionarse xuntos, de superar dificultades xuntos.
“Xuntos” é unha das nosas palabras favoritas neste tempo de post-pandemia. A outra é “liberdade”. Porén, tendo constatado con pesar como a palabra “liberdade”, asociada a valores fundamentais como a autonomía persoal ou á capacidade de pensar por un mesmo, parece ter sido reducida a unha das súas dimensións -o logro da realización dos desexos individuais sen freo algún-, nós queremos reivindicar o contido pleno desta verba. Entendemos a liberdade como unha potencia que crece cando a practicamos colectivamente. Somos libres na medida en que nos preocupamos polos demais e colaboramos con eles na busca dun futuro conxunto. Somos libres cando, estando xuntos, expandimos as nosas capacidades persoais, reforzamos os nosos lazos cos demais e aprendemos a coidar uns dos outros e a coidar do mundo que nos dá sustento. A nosa liberdade aumenta co noso sentido da responsabilidade cara aos demais e cara ao que nos rodea. Non hai “eu” sen un “nós”. Non hai liberdade sen os demais. Xuntos somos libres plenamente: escoitando, traballando, xogando, debatendo, creando, ensinando.
Voltamos ás aulas, polo tanto, con dous obxectivos que xa estaban no primeiro lugar no noso ideario e que neste momento teñen un valor aínda maior: acompañar o noso alumnado no proceso de conquistar a súa liberdade individual -isto é, a autonomía persoal, a capacidade crítica, o coñecemento dos propios desexos, a conciencia plena de un mesmo- e propiciar, ao tempo, un contexto que permita vivir e comprender de forma integral o valor dos vínculos cos seus compañeiros e compañeiras.
Somos conscientes de que o mundo de 2022 xa non é o mundo de 2019. Pasaron case tres anos e, con eles, demasiados acontecementos difíciles de procesar. Se nós, como adultos, non fomos quen de ter saído indemnes de todas as vivencias deste tempo, podemos imaxinar sen demasiado esforzo o efecto que tivo sobre os nosos nenos e nenas. Non foi só a pandemia e o confinamento de 2020. Non foron soamente as regras de distancia social e os mecanismos destinados a manternos nas nosas burbullas en aras da saúde colectiva. Unha conciencia crecente sobre o preocupante estado das nosas sociedades e dos ecosistemas que as soportan engade intensidade ao noso listado de preocupacións. A desorde xeopolítica expresado en forma de conflitos e guerras, os cortes nas cadeas de subministros a nivel planetario, as sucesivas crises enerxéticas e os problemas económicos e sociais derivados de todo isto alimentan un desacougo incesante, unha sensación inquietante sobre o futuro a curto e medio prazo que permea, tamén, as vivencias do noso alumnado. Este cóctel de preocupacións e angustias exprésase, con demasiada frecuencia, en forma de desaxustes persoais de diversa índole. Observamos, dende a escola, esa onda de malestar que ten afectado en especial a aqueles que se atopan na adolescencia e na súa contorna. Unha parte importante da nosa preocupación está destinada a prestar especial atención á saúde mental do noso alumnado.
Pese a este listado de impactos vividos neste período, queremos facer unha afirmación de confianza no futuro. Como mestres, traballamos co mellor da nosa sociedade, coa súa parte máis vital, máis creativa, máis chea de enerxía e de ganas de enfrontarse aos problemas e resolvelos. Vemos cada día como o mundo se renova e pon en xogo novas formas de pensar, crear, traballar, xogar ou relacionarse. Cada un dos nosos alumnos e alumnas é a irrupción de algo novo, inimitable e infinito na súa dignidade sobre o noso planeta. E nós, observadores privilexiados da súa evolución, non podemos evitar contaxiarnos do seu entusiasmo e do seu empeño por reinventar, reiniciar, resolver, restaurar e recompoñer o mundo enteiro.
Unha néboa de incertidume parece envolver os nosos tempos. Dende a escola, o que se observa cando proxectamos a nosa mirada cara adiante é un número inmenso de luces pequenas. Luces que, dende lonxe, semellan formar fíos que alumean todo o que os rodea. O futuro está iluminado. Esta é a nosa convicción máis forte. E só podemos alegrarnos de corazón por compartir con vós esta sensación.
Feliz comezo de curso