Blog da escola


Aprender no confinamento

Hai trinta e seis días que estamos pechados nas nosas casas. O impacto desta situación que estamos a vivir é inédito. A situación, desde unha perspectiva histórica, está á altura de moitos acontecementos terribles sucedidos nos últimos cen anos. Neste contexto, as nosas vidas están sendo sometidas a grandes tensións en todas as dimensións da nosa existencia que poidamos enumerar: a económica, a sociolóxica, a política, a laboral, a educativa, a familiar, a afectiva, a emocional e a psicolóxica. Xunto a elas, as nosas certezas e crenzas con máis raigame tamén sofren o asalto dunhas circunstancias que nos obrigan a pensar sobre a nosa visión da realidade.

Nestes días temos escoitado un millón de opinións sobre que facer coas clases. Que criterios adoptar para o tramo final do curso. Que funcións debe primar a escola sobre outras nestas circunstancias excepcionais. Con motivo da 2ª avaliación e as notas que tivemos que poñer nunha situación de absoluta excepcionalidade, a nosa escola publicou un pequeno manifesto sobre cal sería o noso criterio predominantes: entender as notas como un xesto de apoio ao noso alumnado. Subvertir a fría realidade da burocracia escolar para transmitir un pouco de calor en forma de confianza -se é que tal cousa é expresable mediante uns números- cara ao conxunto da rapazada.

Porén, somos conscientes de que a nosa postura non é maioritaria nestes momentos. Miles de artigos en prensa e millóns de horas de televisión insisten en "seguir para adiante" como se o feito educativo se reducise a un mero proceso de transmisión de contidos no cal basta con reemprazar os mestres e mestras por horas de videochamadas e toneladas de documentos "pdf" con apuntes e exercicios para facer neste último trimestre. A presión que se fai desde estas posicións "pedagóxicas" é realmente intensa. É fácil rematar discutindo con familiares, amigos e coñecidos sobre a ineficacia pedagóxica destas medidas e sobre o substrato produtivista que as impregna. A escola, así, é entendida como unha fábrica da cal ten que saír un produto final cunhas especificacións estandarizadas na que non se atende ao que é o centro de todo o proceso educativo: os nenos e as nenas, os seus desexos, as súas inquedanzas, a súa visión do mundo, as preocupacións e problemáticas que definen e dan entidade e coherencia ás súas vidas. Así, escoitamos o discurso da eficiencia, dos resultados, da produtividade, do traballo incesante. Discurso que no día a día "normal" admite infinitos matices e pode chegar a un compromiso coa realidade do alumnado. Pero neste momento concreto é un discurso que xera fundamentalmente sufrimento, ansiedade e alienación na maior parte dese alumnado ao cal nos debemos.

Queremos propoñer, desde aquí, unha serie de artigos aparecidos en prensa neste último mes nos cales se discute con brillantez e lucidez este paradigma maioritario. Queremos animarvos a mergullarvos na súa lectura con calma para conversar sobre eles e sobre as argumentacións que neles se fan. Neste momento no cal o ruído que rodea toda esfera escolar é abraiante, propoñemos estas lecturas para lograr unha distancia respecto a el. Para pulir argumentalmente as nosas intuicións sobre o que é correcto, o que sabemos con certeza que precisan as nosas nenas e nenos. Para poder defender as nosas ideas co resplado intelectual dos pensadores e pensadoras que neste momento de urxencia están a defender un modo de facer escola co que nos identificamos: unha escola centrada nos nenos e nenas, preocupada polo seu benestar intelectual e afectivo, capaz de axudar no desenvolvemento de seres autónomos, sensibles, creativos, lúcidos e críticos no canto de producir un exército de autómatas listos para obedecer ordes e seguir cegamente cadeas de mando ou opinións maioritarias sen seren capaces de desenvolver opinións e pensamentos propios.

Vai a lista:

No perdamos este tiempo presioso... (Francesco Tonucci, El País, 11-4-20)

Que los estudiantes no pierdan clase... (Isaac Rosa, eldiario.es, 7-4-20)

Los niños no se van a morir por perderse... (Katherine L´Ecuyer, La Voz de Galicia, 4-4-20)

Educar en el encierro (Roberto G. Fandiño, La Rioja, 30-3-20)

La asombrosa desaparición de 7 millones... (Entrevista a Cesar Rendueles, El Confidencial, 22-3-20)

 

 

Horario de atención

Luns a venres:

de 9:00 a 14:30

de 17:00 a 20:00

Colexio Martín Códax

Avda. Aeroporto, 734
36318 Vigo, Pontevedra
986 28 80 95
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.