Blog da escola


Charla "Non es ti, son eu"

O mes de novembro foi un mes intenso en canto a charlas dirixidas ás familias da escola sobre temas de interese xeral. O pasado 13 de novembro de 2023, Luz Fernández, orientadora e psicóloga na escola de infantil ata o curso pasado, deu unha charla titulada "Non es ti, son eu". Máis que unha charla, foi un encontro onde ter a oportunidade de conversar coas familias sobre algunhas cuestións que observamos con procupación desde a escola referentes aos nenos e nenas.

A continuación un breve resumo da sesión:

"Vimos constatando que cada vez os nenos e nenas teñen menos control sobre os seus afectos e emocións. Frústanse ao mínimo contratempo e cústalles esperar e ter en conta aos demais. Cada vez son menos autónomos e quedan desconcertados cando o mundo non xira ao redor seu. Por suposto que isto non ocorre en todos os casos, cada neno e nena é diferente, pero cada vez sucede con máis frecuencia e maior intensidade.

Para abordar estas cuentións a ponente partíu dun proceso fundamental na vida dun neno, o proceso de separación das figuras parentais.

O ser humano ven ao mundo cun grao total de indefensión, cunha dependencia absoluta en todos os sentidos. Non podería sobrevivir sen a presenza doutro ser humano. Será precisamente esa relación cos outros, que transcorre en paralelo á maduración cognitiva e psicomotora, a que irá conformando o seu mundo. É dicir precisamos dos demais para constituírnos como persoas. Esa relación que se establece ten como elemento privilexiado a linguaxe.

O neno síntese en principio parte da nai e pouco a pouco irase constituíndo como un ser independente, irá construíndo a súa subxectividade. Para que este proceso se dea "de boa maneira" fai falta un terceiro protagonista, xeralmente o pai, que reclama o seu lugar. A partir deste primeiro xogo de relacións e desexos, irase definindo a maneira en que cada individuo se enfronte ao mundo, comezará a formarse a personalidade. Esta separación constitúe un reto para o neno, pero tamén para os seus pais.

Tomar posesión do mundo que nos rodea leva implícito, non unicamente o control do corpo, senón tamén o control dos afectos e as emocións. Para conseguilo, os nenos necesitan certa orde, certos hábitos e rutinas que lles dean seguridade, límites que lles indiquen o marco no que se moven. "Só pode protexerme quen me pon límites".

Tamén se falou das distintas modalidades de crianza que están tendo moita relevancia estes últimos anos. Animamos a que os pais e nais sexan flexibles á hora de poñelas en práctica. Cada neno é distinto, o que necesita e desexa é propio de cada un. Unha idea ríxida sobre o que debemos ou non debemos facer como pais pode arrastrarnos a situacións conflitivas, difíciles de resolver en moitas ocasións. Non podemos deixarnos levar por receitas máxicas do tipo "o mesmo para todos".

O obxectivo principal é que o neno ou nena camiñe hacia a súa autonomía e independencia, asentada sobre bases seguras, o que implica poder sosterse tamén nos momentos difíciles, que seguro que os haberá. "Isto chámase vivir"

Á charla asistiron unha treintena de persoas, e dada a boa acollida da mesma, é moi probable que se repita no seguinte trimestre deste curso. Estade atentos aos anuncios.

 

Horario de atención

Luns a venres:

de 9:00 a 14:30

de 17:00 a 20:00

Colexio Martín Códax

Avda. Aeroporto, 734
36318 Vigo, Pontevedra
986 28 80 95
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.