As imaxes da saída ás Rías cos alumnos de 6º de primaria (a que se aprazou o curso pasado polo tempo)

As fotos de Luis

As fotos de Juan

Por fin en ruta, despois de varios aprazamentos, o día 10 de outubro partimos da escola camiño de Noia. O percorrido polas súas rúas permitiunos viaxar á Idade Media, rúas estreitas empedradas, soportais,... e como non, visitamos a igrexa de San Martiño de Noia (gótico serodio século XV).

A segunda etapa levounos á Curota, na serra do Barbanza, onde puidemos contemplar a espectacular ría de Arousa, as dunas de Corrubedo. Xa con fame, continuamos a nosa viaxe cara á punta do castro Baroña, onde xantamos e desfrutamos dun merecido descanso.

Descansados e con ganas de bañarnos, por fin chegamos ao "Castro". Ante o espectáculo da natureza e a obra do home sentimos a necesidade de preservalo tal como está para as xeracións vindeiras.

Rematada a visita, continuamos o camiño cara a Santiago de Compostela, onde fixemos noite.

A visita a Santiago de Compostela serviunos para coñecer a súa orixe, a súa lenda e, sobre todo, desfrutar da pedra feita arte.

A derradeira etapa levounos á ría de Muxía, onde visitamos o cabo Vilán e o seu faro, e puidemos observar o efecto da erosión do vento, da choiva e o por que esta costa é coñecida como "A costa da Morte".

Dende alí fomos a Muxía, vila mariñeira por excelencia que o progreso dos anos 60 converteu nunha caricatura do que era. Dende alí continuamos a viaxe ata o Santuario da Virxe da Barca, e coñecimos a lenda da "Pedra de Abalar" e, con pena de non poder seguir a viaxe, regresamos á escola.