A postura da escola con respecto ás probas de avaliación externa de 3º de Primaria

As probas externas de terceiro de primaria, implantadas coa Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, teñen como obxectivo “detectar a tempo aqueles alumnos con dificultades na aprendizaxe”, segundo explica o Ministerio de Educación. Hai que dicir que se ben é o Ministerio quen manda, a Xunta é quen executa. Nós entendemos que detrás destas palabras agóchanse uns criterios de aplicación incoherentes coa finalidade pretendida.

Estes exames só avalían dúas materias, matemáticas e linguas, de todas as que compoñen os contidos curriculares. Polo tanto, poden penalizar aos centros que apostan por proxectos educativos que respectan os diferentes ritmos das aprendizaxes do alumnado e que aplican os seus currículos en función das intelixencias múltiples (como é o caso do noso centro).

Este tipo de probas externas, polo tanto, son un dos instrumentos da lei para neutralizar outros modelos posibles de escola, de currículo e de avaliación, impondo unha hexemonía única que entende a educación como unha carreira esgotadora de exames, notas, materias e obstáculos de diversa índole.

Ademais, as probas de terceiro de primaria non son probas de competencias, porque en ningún caso avalían o pensamento propio, a iniciativa persoal ou a creatividade. A fiabilidade dos resultados destas probas é entón moi baixa, xa que non miden as habilidades que a propia lei observa nos programas de traballo de todo o curso.

Coa implementación destes exames, corremos o risco de que terceiro de primaria se converta nun curso no que se focalice o esforzo na ensinanza de matemáticas e lingua, en detrimento doutras áreas igual ou máis vitais para o desenvolvemento. Á vez, tamén existe o perigo de que se remate adestrando o alumnado para que encha círculos en probas tipo test estandarizadas, en detrimento de todo o que teña que ver con promover habilidades de desenvolvemento do pensamento crítico, indagación, innovación, reflexión, avaliación e aprendizaxe autónoma, etc.

Estas probas introducen un elemento distorsionador na dinámica de funcionamento da escola como institución, xa que o diálogo permanente entre docentes, familias e alumnado queda coartado pola intervención de axentes externos que descoñecen (e se negan a coñecer) as individualidades que existen en cada centro educativo e mesmo en cada neno ou nena.

A lei non prevé partidas orzamentarias destinadas a paliar os problemas que estas probas poidan detectar. Neste contexto de políticas regresivas, estes exames tamén promoven a selección entre alumnado “bo”  e “malo”, a fin de poder ir derivando os “malos” cara a traxectorias adaptadas que  non deixan de ser rúas sen saída.

Os resultados das probas serán públicos e penalizarán as escolas que fan, con esforzo, moi bo traballo en entornos con dificultades (sexan estas de aprendizaxe, de integración social, económicas, etc.) e que, con este tipo de políticas regresivas, serán condenados á marxinación.

A LOMCE non achega ningún informe internacional que avale a súa eficacia, non así a multitude de informes que hai determinando que os sistemas de rendición de contas son ineficaces, pois non hai datos que demostren as melloras dos alumnos e alumnas  con este tipo de probas.

Estas probas nin son vinculantes nin teñen efectos curriculares e tendo en conta as dúbidas que provocan este tipo de exames, non se poden levar á práctica sen abrir antes un debate político e científico que, neste caso, se obviou vergonzosamente. Por isto entendemos que desde o rexeitamento explícito podemos forzar o debate social para conseguir complicidades e así deter o despregue dunha lei que atenta contra os piares da equidade e da loita contra a desigualdade.

Neste contexto dicimos NON á avaliación externa como unha forma de protesta contundente ante unha lei que atenta contra a escola democrática, laica, inclusiva, cohesiva e xeradora de pensamento crítico; e tamén porque consideramos que estas probas provocarán efectos perversos no sistema educativo.